🌍 Proxecto “Cole sen Plásticos”
No noso colexio estamos comprometidos co coidado do medio ambiente e queremos dar un paso adiante na loita contra o uso excesivo de plásticos. Por iso puxemos en marcha o proxecto “Cole sen Plásticos”, unha iniciativa na que todo o alumnado participa activamente para reducir a xeración de residuos e camiñar cara a ser unha escola ecosostible.
🔍 En que consiste a actividade?
En cada aula colocamos unha táboa de rexistro semanal, onde o alumnado apunta os residuos de plástico que se xeran cada día: botellas, envoltorios, bricks, bolsas…
Cada venres, os alumnos e alumnas de 6º de Primaria serán os encargados de:
- Recoller as táboas de todas as clases.
- Pesar os residuos de plástico da semana.
- Rexistrar os datos nunha folla de cálculo.
- Elaborar gráficas e comparacións para ver a evolución ao longo do curso.
🎯 Que queremos conseguir?
O noso obxectivo é mellorar semana a semana, reducindo a cantidade de plásticos dun só uso e atopando alternativas máis sostibles. Deste xeito, todo o alumnado poderá comprobar os progresos e propoñer novas medidas para conseguir un colexio con residuos plásticos 0.